martes, 17 de octubre de 2017

Nunca digas adeus

En arqueoloxía nunca te despides, ou, polo menos, non te despides de todo. Sempre hai un ata logo. Rematado o traballo de campo, agora é o momento de chimpar cara atrás e botar unha ollada ao resultado final. E abofé que cumprimos. Desbrozamos, escavamos, carrexamos toneladas de terra, restauramos impactantes ruínas, vivimos mergullados entre paredes de lousa, ... e a nova Viladonga loce como nunca  baixo o ceo toldado que domina a chaira.


Poucas cousas hai tan fermosas como as fotos finais dunha campaña arqueolóxica, quizás por ese efecto, tan teatral, que fai xurdir aos restos da mesma terra, como si de un milagre se tratase. Nas imaxes que ilustran esta entrada poden observar os espazos 13 e 15 e as zonas de nova escavación,  un magnífico resumo do que foi esta campaña en Viladonga e unha expresión contundente dos obxectivos que perseguía o proxecto: a mellora das condicións de conservación do castro e un avance definitivo na interpretación dos restos que se exhiben nesta colosal aula ao aire libre. 




Como dicíamos fai uns días, neste pequeno mundo noso, por moito que se queira, é imposible desconectar. Rematado o vai e ven de arqueólogos e restauradores, silenzosos paletíns e piquetas, baleiros capachos e carretillos,... o proxecto non se detén. Agora é o momento de elaborar a documentación, interpretar os datos e procesar toda a información obtida na escavación. 

Pero o corazón dos arqueólogos sigue estando no campo, o ecosistema natural de moitos de nós, seres híbridos, especie de toupas bípedas. Por iso, e porque aínda mantemos a cancela aberta, teñan claro que esta historia non remata aquí. En gabinete e laboratorio seguimos traballando con Viladonga. Continuará.



martes, 10 de octubre de 2017

Unha nova pel para Viladonga

Non hai dúbida, este castro ten un pasado recente moi potente, tal e como corresponde a un xacemento intensamente escavado e que, xa dende os seus primeiros pasos na investigación arqueolóxica, foi obxecto de traballos de consolidación do seu espléndido conxunto de estruturas. 

En certo sentido, todo o mundo estaba de acordo nunha cousa: Viladonga tiña que converterse nunha innovadora aula ao aire libre, nun virtual centro de interpretación sobre os pobos galaicos, o seu mundo e a súa historia. Apoiado nese binomio extraordinario de castro e museo de sitio, este coloso, un verdadeiro sobrevivente da antigüidade, chegou a ser o xacemento arqueolóxico visitable por antonomasia, e foron moi poucos os grupos escolares, ou escursións, ou xeiras turísticas de todo pelo, que non percorreron o seu soberbio recinto agunha vez.

Vista panorámica do barrio 15 durante os traballos de restauración

Pero tamén ás vellas damas, incluso a unha tan orgullosa como esta, os anos e as modas pásanlle factura. Milleiros de visitas e a exposición do seu corazón directamente á intemperie, chegan a comprometer a súa conservación e esixen coidados e atencións constantes. Tamén os novos tempos, nos que públicos novos buscan novas sensacións, obrigan a mellorar a interpretación dos restos, diluidos ata agora nun equívoco escenario axardinado, procurando unha percepción renovada do rexistro arquelóxico construido. Unha imaxe quizais menos bucólica, pero máis forte e atractiva, máis de acordo con ese carácter de praza forte do rural galaico - romano, crepuscular e poderoso, que deu sentido aos anos finais da súa vida.

Preto da tan ansiada liña de meta, a croa de Viladonga mostra orgullosa a súa nova faciana, unha impactante visión que pretende recuperar a súa esencia orixinal e facer xustiza aos esforzos, fatigas, alegrías e soños daqueles que fai moito, moito tempo, decidiron vivir aquí, dentro das murallas que ergueron no outeiro que vixía a chaira.

Aspecto actual do barrio 15, a piques de rematar os traballos arqueolóxicos

Detalle dos traballos de restauración dunha das estruturas arquitectónicas

miércoles, 4 de octubre de 2017

Os últimos artesáns da arqueoloxía

Unha actuación como a de Viladonga non ten nada de sinxela. Malia que os visitantes do castro, un fluxo incesante que engrandence aínda máis a este xigante da arqueoloxía, perciban o traballo de campo como un totum revolutum de lombos dobrados, cascalleiras, tráfico de carretillos e moita, moita terra, neste verdadeiro lilliput que é unha actuación arqueolóxica cada un coñece moi ben o papel que xoga. De feito, cando chegas a Viladonga e percorres de vagar o perímetro da escavación, dasche conta de que, baixo ese aparente desorde, hay unha organización activa, unha vida chea de diminutos detalles, moi semellante a un formigueiro ou a unha colmea semisoterrada.

Avanzando na restauración do sector 15

Dentro dese cosmos, tumultuoso pero estruturado, arestora, nas fases culminantes da campaña, é o momento de gloria dun grupo de traballo singular. Saben a quen me refiro?. Acertaron: aos restauradores de campo. Concentrados, laboriosos como xoieiros suízos, sempre silenzosos, cada día os admiro máis. E eu, que nacín e me fixen mozo nas agras coruñesas, terra de xisto e barro, véxoos abrazar os muros de lousa, falar coas pedras e traballar con ferramentas que levan connosco milleiros de anos, e non deixo de soñar cos duros pedreiros que inzaron as arquitecturas e moldearon as  paisaxes da miña infancia.

Nun tempo no que as novas tecnoloxías todo o invaden e no que a arqueoloxía instalouse nas canles temáticas da top ciencia, fago un alto no camiño e reivindico ás miñas compañeiras e compañeiros restauradores do Castro de Viladonga: os últimos, os derradeiros artesáns do noso pequeno mundo.

Restaurando estruturas no sector 13